Carlos Luis Rodriguez Escreveu:
Os que cren que un partido pertence aos fundadores e non ao paísPouco crédito tería un empresario que, ante un fracaso comercial, reaccionase culpando os clientes. Conque si, eh? Pois agora ides ver o que é bo. Deixaríanos perplexos un industrial que riscase ao mercado de traidor, en lugar de adaptar os seus produtos. A súa marca estaría condenada á extinción.
Algo parecido están a facer dúas das tres correntes que se disputan o poder no nacionalismo. Hai unha coincidencia de fondo entre Xosé Manuel Beiras e Paco Rodríguez, que se podería condensar dicindo que eles cren que o BNG gobernamental cometeu un grave pecado ao actuar en función da clientela.
Os teólogos máis severos dinnos que Quintana e os seus se entregaron voluntariamente nos brazos da concupiscencia. Os máis transixentes conclúen que o quintanismo foi seducido e enganado por forzas poderosas que o utilizaron a pracer, para despois retornar ao curral; se a cabra tira ao monte, toda esa Galicia moderada tiraría o Partido Popular.
Supoñamos que é así. Admitamos que unha parte substancial da sociedade galega ve no PP o seu acubillo natural. Por que?
Velaí a cuestión que a teoloxía nacionalista non responde. Acaso esta sociedade é masoquista e goza cos lategazos que lle propinan durante todos estes anos os populares? De ser así, habería que poñer a tratamento centos de miles de galegos, o cal é pouco práctico.
Se Galicia non quere caldo, hai que darlle dúas cuncas, para que aprenda. Así se resume a terapia que suxiren irmandiños e upegallos. Se esa galeguidade á que Quintana quixo conquistar responde negándolle o voto ao BNG, alá ela, que lle dean. Non é o votante o que ten sempre razón, senón o sacrosanto aparato e os sesudos ideólogos que xustifican as súas posicións.
A pesar de todos os seus erros, Quintana fixo o que ten que facer un partido con vocación maioritaria. Chamou a portas afastadas do nacionalismo, procurou tender pontes con beiras distantes ao Bloque, sorriu alí onde antes se disputaba, e non bailou con lobos, senón con avós depositarios da máis auténtica galleguidad. Aínda que as urnas fosen adversas, non hai outra receita se o Bloque aspira a transformar en práctica a súa representatividade mítica.
A diferenza entre Aymerich, Beiras e Paco Rodríguez é sobre todo xeracional. Hai unha parte do nacionalismo que en realidade está a defender a súa propia biografía. Xa non poden renunciar a estas alturas a dogmas que defenderon durante décadas de loita. Ese produto que a clientela rexeita é o seu; son como os vellos patriarcas das empresas, que se resisten a que os fillos ou netos renoven as súas estruturas para adaptalas ao mercado.
De aí a impresión de que tendencias en aparencia tan distantes como o beirismo e a UPG se aproximen. Comparten esa idea de que a decepción electoral veu por querer buscar caladoiros de altura, en vez de conformarse cos de baixura.
No fondo, avogan por un nacionalismo resignado a cultivar o seu cativo minifundismo.
Culpar o cliente, pensar que a Galicia moderada só se aproveitou do nacionalismo para despois irse con outro é a explicación máis doada. Claro que esa sociedade tamén pode sacar a conclusión de que as chamadas, as pontes, os sorrisos e os bailes só eran cousa de Quintana; que, emboscados na organización, estaban
os que cren que un partido pertence aos fundadores e non ao país. http://www.elcorreogallego.es/popImprim ... cia=423319 Carlos Luis Rodriguez Escreveu:
Máis BNG ou Máis UPG? Un vello slogan turístico presentaba a República Sudafricana como o mundo nun só país. Evocaba a variedade do seu territorio, apto para os desexos de calquera visitante inimigo da monotonía. O BNG actual podería apelar a un reclamo moi parecido ao sudafricano: o mundo político nun só partido.
Partidos, tendencias ou sensibilidades que fóra do Bloque fan vida separada, aquí están agrupados baixo unha mesma sigla. Iso resultou beneficioso noutras épocas, ao evitar a dispersión das forzas sempre precarias do nacionalismo, pero non está claro que sexa viable nos tempos que corren. Por iso pasa o que pasa.
A idea legionaria de fronte é eficaz para opoñerse a todo nunha situación predemocrática, pero non o é tanto nunha democracia estabilizada como a galega. Iso si,
o frontismo é idóneo para que permanezan emboscados grupos que, por si mesmos, terían pouca relevancia.
En consecuencia,
a pugna que se vive no seo de BNG é a etapa final dun modelo baseado na ambigüidade. O Bloque era todo sen ser nada. Dentro podían convivir os amantes dos movementos antisistema, os practicantes do radicalismo verbal e os convencidos de que o destino lóxico da organización é converterse nun partido homologable aos que funcionan no Occidente cristián. Ou sexa, Irmandiños encontrados, UPG e a corrente fai pouco bautizada como Máis BNG.
A exuberante abundancia de siglas quedou reducida a tres correntes. Puro darwinismo. En realidade non representaban nada, aínda que axudaban sen dúbida a manter o río revolto e a ganancia dos pescadores de Paco Rodríguez. Igual que no Santander, abondaba con posuír un pequeno paquete accionarial para mandar sobre un conxunto de accionistas disperso.
Agora a cousa complícase, e o Botín nacionalista xa non pode recorrer á persoa interposta para poñela no escaparate. Fíxoo con Beiras, quixo repetilo con Quintana, pero agora tivo que presentar alguén da casa. É curiosa a súa procedencia porque o discurso oficioso parece achacalo todo aos pecados nefandos do quintanismo, e non obstante
Guillerme Vázquez procede do lugar onde se produciu o fracaso máis elocuente.
Pontevedra é o Waterloo da UPG. Non é comparable co revés de don Anxo, obrigado a gobernar en dobre coalición (con Touriño e Rodríguez), e sen a maioría que gozaron e malograron os nacionalistas pontevedreses. E aínda así, é dos rescaldos desa batalla perdida onde a UPG recruta o seu líder.
Os menos impostos na ciencia blocolóxica non encontrarán explicación a esta aposta. Nin o carisma de Guillerme Vázquez é cegador, nin a Pontevedra onde exerce de concelleiro é o que foi Allariz no seu día. A opción ten con todo a súa coherencia se, en vez da recuperación política do BNG, pensamos en termos domésticos. Dito doutra forma,
non se trata de que o Bloque adquira novo vigor, senón de que a UPG manteña o control.
http://www.elcorreogallego.es/opinion/f ... ia-417332/
Unha vez máis pasou o que por desgraza todos temíamos. Os comunistas da Unión de Parásitos Galegos (UPG), pensando sempre nos intereses particulares da súa secta e non da nazón galega, bloquearon a oportunidade de o BNG converterse nunha forza moderna, popular, aberta á sociedade galega do século XXI.
Máis nacional-estalinismo, máis marxismo-rodriguismo, máis "loita de clases" entre galegos, máis cubanismos e venezuelanismos hispano-terceiromundistas... e menos posibilidades de que o nacionalismo galego volva ao governo de todos os galegos!
Temos á volta da esquina as eleizóns Europeias. Varios amigos meus, nacionalistas conservadores e centristas, que a pesar de pesares votaron ao BNG por caridade durante a maior parte dos últimos quince anos, dixéronme nas últimas semanas que "agora si que xa basta".
"Os parásitos xamais deixarán á vaca en paz", dicíame un amigo. "Se para desfacérmonos dos parásitos hai que deixar que morra a vaca, deixemos que morra. Mellor gastar nunha nova vaca que teña boa saúde e bon leite que seguir a manter unha vaquiña moribunda que non para de ter problemas".
O resultado eleitoral do BNG nas próximas Europeias vai ser penoso. Poden estar ben orgullosos os parásitos da fouce, martelo, e estrela vermella soviética.